Instrumentos galegos artesanais.

Ola bos días a todos.

Hoxe vou a comezar a pór como se fan unha serie de intrumentos de forma artesanal que calquera pode facer na súa casa, moitos deles só os coñecía polo que me teñen falado os vellos, xa que me contaban as historias de como os facían, cando eles eran novos, e como se divertían cando ían coas vacas ó monte e se xuntaban todos para pasar o tempo. Doulle as gracias a toda a xente que me ensinou a facelos, entre os que están os meus avós. Ademais gústaríame que moita xente os aprendera a facer para que así non se perdera un deses pequenos tesouros que garda a sabiduría popular, e non caian no esquecemento.

Índice de instrumentos:

Frauta de rabo de escoba:

Para facela só fan falla:
  1. Un rabo dunha escoba vella: que preferiblemente ten que ser de madeira, aínda que eu a fixen cun rabo dunha escoba de plástico e soa igual, a única condición é que estea oco.
  2. Un ferro que se poda poñer ó roxo vivo.
  3. Un corcho dunha botella.
  4. Un pouco de cera de vela.
  5. Serreta de madeira ou de ferro.
Entón collemos o rabo da escoba e cortámolo á medida, a miña debe medir como dúas cuartas, se é de plástico cortámola coa serreta, porque senón escachiza todo.

Despois disto facemos os furados, para isto collemos o ferro, eu utilicei o ferro da cociña de leña, e poñémolo o roxo vivo e furamos o rabo da escoba, un furado deberá estar cerca dun dos extremos para que nos sirva para soprar, despois deixamos un espacio e facemos outros 6 furados na mesma dirección e un séptimo un pouco ladeado, xa que estes seis furados son para tapar cos dedos, e o séptimo é para tapar co meñique, e ladeámolo un pouco para que sexa máis fácil de tapar, a distancia entre estes furados poñerase segundo a comodidade de cada un, para que sexan fáciles de tapar.

Por último taparemos o extremo que ten o furado que nos serve para soprar, para isto labraremos o corcho para que entre a presión e non deixe escapar o aire, se segue a escapar aire, o que temos que facer é recubrir as xuntas cun pouco de cera.

Agora xa temos unha frauta estilo traveseira que, polo menos a miña, sona bastante ben.

Como sempre, se queredes poñervos en contacto conmigo para algo mandádemo á dirección de correo electrónico.



Nesta imaxe podemos ver as dimensións da flauta que eu fixen.
Nesta imaxe vemos a flauta de lado.
Nesta imaxe vemos como queda colocado o corcho para que non perda aire.
Aquí vemos como queda o furado para soprar.



Ocarina de corno de vaca:

Para continuar cos intrumentos galegos artesanais hoxe vou falar de como se fai unha ocarina do corno dunha vaca. É algo máis complexo de facer que o da flauta de rabo de escoba, pero non é difícil.

Para logralo só nos fai falla:
  1. Un corno dunha vaca.
  2. Unha caldeira con auga.
  3. Un taco de madeira
  4. Un coitelo.
  5. Unha lixa fina.
  6. Barniz de madeira.
  7. Un taladro.
  8. Unhas brocas do ferro.
  9. Cera dunha vela.

O primeiro que temos que facer é conseguir o corno da vaca, para isto podemos buscar algún que lle rompera a unha vaca, ou o que podemos facer, que é o que fixen eu, é pedirllo a algún gandeiro cando lle corte os cornos a unha das súas vacas.

Despois de conseguilo, o máis normal do mundo, é que traiga o óso por dentro, e a nós iso non nos interesa, entón para conseguir baleirar o corno ímolo cocer, para iso fai falla unha caldeira con auga e deixalo fervendo nela bastante tempo, o que si vos dou un consello, que non o fagades na casa, xa que cando se coce un corno cheira moitísimo. Despois de cocelo o óso xa se despega só. Eu cocinos ata que se lles despegou o óso dentro da caldeira.

O seguinte paso é deixalo enfriar, así que enfrie collemos e facemos unha peza de madeira do tamaño da abertura do corno para tapala, esta peza ten que ter forma de moeda, eu para facela collín unha estela de leña (hacha), serreina perdendicularmente e labreina cun coitelo ata que entrou a presión.


Así é como ten que quedar a tapa.



Despois disto facemos un corte en bisel no corno, que acaba onde comeza a tapadeira, como vemos na foto anterior, para isto damos un corte perdendicular no corno ata onde chega a tapadeira ata chegar á luz deste, e despois facemos un corte o máis oblícuo posible que se dirixa cara o corte perpendicular que fixemos, ata que se xunten, e como resultado dá o que se ve nesta imaxe:



Aquí podemos ver como queda o bisel.



Agora debemos facerlle un corte á tapadeira de madeira que coincida co bisel que acabamos de facer, para que quede parecido ó dunha flauta doce (de aí me veu a idea de facelo así) e é por onde se vai soplar para que sone o instrumento.

O seguinte paso é facerlle unha serie de furados na mesma cara que fixemos o corte en bisel para poder tapar cos dedos e así acadar diferentes sons, estes farémolos co taladro e coa broca de ferro, sen ter o modo martelo do taladro posto, estes furados deberán ser de diferente tamaño para que consigan diferentes notas, e quedaría como se ve na imaxe seguinte:


Nesta imaxe vemos os furados para os dedos


No meu corno só collían cinco furados, pero faremos tantos como nos collan no corno. Chegados a este punto o corno xa tiña que sonar, se perde aire pola tapadeira de madeira que non quedou ben axustada, o que podemos facer é meterlle un pouco de cera derretida para que non o deixe pasar. O son que se acada é un son moi doce.

Por último podemos lixar e barnizar o corno para que quede máis curioso e xa está completado este instrumento.



Así foi com o quedou o meu.


O corno de vaca:
Outra vez máis estou a escribir no blog para falarvos doutro instrumento artesanal galego, hoxe do que vou tratar é sobre un instrumento feito a partir dun corno de vaca, que nos dá unha nota constante. O nome deste instrumento é o de corno. É un instrumento moito máis fácil de facer que os anteriores. Os pasos e materiais que fan falla para facelo son moi parecidos ós da ocarina de corno de vaca.

Os mateirais que nos van facer falla son os seguintes:
  1. Un corno de vaca.
  2. Unha caldeira de auga.
  3. Unha serreta do ferro.
  4. Unha lixa suave.
  5. Barniz de madeira.
O primeiro paso que debemos realizar é o de baleirar o corno, e facémolo como xa expliquei para a ocarina de corno de vaca.



Nesta imaxe podemos ver o corno baleirado.


Así que temos o corno baleirado, o que vamos facer é cortalo, perpendicularmente, polo seu extremo máis afilado, este extremo é macizo, pois temos que ilo cortando ata que deamos coa luz do corno.



Así é como nos queda cando imos cortando ata dar coa luz do corno.


Así que fagamos isto, xa está case todo feito, entón podemos barnizalo e lixalo para deixalo máis curioso.



Este sería o resultado final.


Agora que o temos este instrumento tócase de dous xeitos posibles, un deles é tocalo como unha trompeta e o outro é tocalo colocandolle unha palleta ou un pallón no furado que fixemos.



Estes son os tres instrumentos que describín como se facían ata agora.




A frauta de sabugueiro:

Desta volta vouvos a dicir como se fai unha flauta de sabugueiro. O sabugueiro é unha árbore que non medra moito, pero ten unha peculiradiedade que a fai moi boa para facer instrumentos, que é que ten unha cerna moi branda, polo que é moi fácil de baleirar e convertir a peza de madeira nun tubo oco.

Este instrumento saqueino dos contos que me dicía os vellos do meu pobo, esta madeira tamén se utilizaba para facer os chamados cichóns, que se utilizaban no entroido para disparar auga, para facerlle a broma ós veciños, e mollalos de arriba a baixo.

Hoxe do que vos vou falar é da flauta de sabugueiro, se queredes outro día dígovos como se fai un cichón.

Para comezar imos dicir, como sempre, a listaxe de ferramentas e materiais que precisamos:
  1. Unha barra dereita de sabugueiro que non teña nós, dunha cuarta e media como mínimo.
  2. Un arame que non dobre facilmente.
  3. Un ferro que se poda poñer ó roxo vivo.
  4. Un coitelo que corte ben.
  5. Un corcho dunha botella.
  6. Unha lixa fina.
  7. Un pouco de cera ou cola branca para madeira. 
  8. Unha brocha pequena.
  9. Un pouco de barniz.
Como primeiro paso e máis complicado, imos a buscar unha rama de sabugueiro que nos sirva, esta ten que non ser nin moi gorda nin moi fina, máis ou menos como unha flauta das compradas, tanto en anchura como lonxitude.

Este é o sabugueiro.



Estas son as dúas ramas de sabugueiro cortadas.


Así que temos a rama de sabugueiro, hainas que pelar, e para iso facémolo cun coidelo, eu collín dúas por se non me saía á primeira polo menos ter outras oportunidade. Cando lles quitemos a casca hai que ter coidado de non danala madeira.

Así quedan as ramas despois de pelalas.

Agora que temos as ramas peladas, collemos unha delas e ímola baleirar, xa que esta árbore ten unha cerna moi branda, entón cun arame que sexa maleble pero non moito, estirámolo e chantámosllo na cerna e comezamos a darlle voltas e empurralo para metelo máis, entón vemos como se vai esfarelando a cerna, así que pasemos o arame dun lado a outro, dámoslle voltas ata que non lle quede cerna e deixalo oco de todo e o máis cilíndrico posible.

Así é a apariencia da cerna do sabugueiro.

Despois de baleiralo que así.

Agora e como ante antepenúltimo paso ímos a tapar o extremo máis estreito da bara cun corcho, para facelo labramos o corcho a medida do furado e metémosllo, se perde aire por el entón podemos coller e poñerlle un pouco de cola branca de madeira ou cera dunha vela.

Ó taparlle o extremo quedaría así, aínda que eu antes fíxenlle os furados.

O penúltimo paso consiste en facerlle os furados para soprar e para tapar con dedos, para obter diferentes sons, estes fanse cun ferro que temos que quentar ata que se poña ó roxo vivo, así que estea ben quente collemos e apretámolo contra a madeira onde queiramos facer o furado e témolo aí ata que fure, se non fura á primeira e se enfría hai que volvelo quentar e repetir a manobra ata que fure. O furado máis cercano o extremo da bara que está tapado ten que ser máis grande e é por onde imos soprar, despois deixamos unha boa separación e comezamos a facer os furado para os dedos, estes poñeranse tan separados como o artesán queira, ou dea tapado cos dedos, e así que se fagan todos os buratos xa está feita.

Aquí podemos ver como me quedaron os furados.

Agora o que podemos facer é lixala un pouco para quede lisa e darlle unha man de barniz coa brocha para que se garde mellor. E polo demais a flauta xa debería tocar. Esta tócase como unha flauta traveseira.



Chifro e frauta de castiñeiro:

Desta voltaímos a facer un chifro de castiñeiro, estes son instrumentos moi fáciles de facer, e de estragar mentres se fan, polo que hai que facelo con coidadiño, o seu grande problema é que non son duradeiros no tempo, xa que en dous ou tres días sécanse, enrugánse e paran de soar.

Para facer este instrumento fan falla os seguintes materiais:
  1. Unha rama de castiñeiro ben dereita e cos menos nudos posibles.
  2. Unha tixeira da poda.
  3. Un coitelo que corte moi ben.

O primeiro que temos que facer é ir a buscar a rama de castiñeiro e buscaremos unha ben dereita e que teña o diámetro parecido a unha flauta das compradas ou algo máis ancha. Entón cortámola á medida que queiramos coa tixeira da poda. Hai que ter en conta que a madeira de castiñeiro só serve para facer este instrumento cando lle está a subir a sabia, xa que senón non damos separado a corteza da cerna.

Entón para separar a corteza da cerna, collemos e fregamos con forza o mango do coitelo ou a podadora contra a corteza do castiñeiro, ata que comece a espumar e rezumar sabia polos bordes que cortamos, así que pase isto collemos e agarramos a bara de castiñeiro e retorcémola como se estivésemos a escorrer un trapo, entón notamos que a corteza se move sobre a cerna, entón imos facendo esta manobra sobre toda a bara ata que se despegue toda a pel.

Agora que temos a pel depegada collemos e cortamos a cáscara por un dos extremos sen cortar a cerna, e entón vemos que se despega, entón agora agarramos a cerna que quedou descuberta e tiramos dela, e entón conseguimos sacar toda a cerna e deixar a cárcara.

Este proceso é algo complicado de explicar, se non o entendedes fago un vídeo de como se fai e súboo.

Agora que temos a cerna por un lado e a cáscara do castiñeiro polo outro, cortamos dúas rodas de cerna, unha desas rodiñas quitámoslle unha laca por un lado, e con elas tampamos os extremos da cáscara do castiñeiro, observamos que a rodiña que lle cortamos un cacho non tapa de todo o furado da cáscara, pero haino que deixar así porque é por onde imos a soprar para obter o son, neste extremo facemos un corte en bisel como o dunha flauta.


Nesta imaxe podemos ver o corte en bisel para que faga son.



Nesta imaxe vemos a rodiña que tapa un dos extremos da cáscara e que é pola que imos a soprar.


Nesta imaxe vemos como quedou o outro extremo da cáscara de castiñeiro tapada.


Agora de sopramos polo extremo que lle deixamos unha regandexa na tapa, obtemos un son, este instrumento que acabamos de obter chámase Chifro de Castiñeiro. E sempre dá a mesma nota, aínda que pode variar ca forza que se sopre. Hai outra variante na que en ver de poñer dúas tapas, poñemos pola que se sopra e na outra tapamos co extremo da cerna que quitamos, entón se sopramos como no caso anterior sona, pero se mentres sopramos introducimos máis a cerna na cáscara cambia o son máis a agudo e se a retiramos cambia a máis grave, e así podemos obter unha variación do son.

Se ó chifro de castiñeiro lle facemos uns furados para tapar cos dedos, obtemos a flauta de castiñeiro, que se toca como calquera flauta.



Rombón de castiñeiro:

Hoxe imos a poñernos con rombón de castiñeiro, este é un instrumento que soa moi ben, e ademais é doado de facer, este instrumento pernítenos tocar unha melodía con diferentes notas que varían segundo tapemos os buratos que ten.

O que nos fai falla para facelo son:
  1. Unhas baras de castiñeiro de diferentes diámetros, unha máis longa do tamaño, de como mínimo como unha frautra.
  2. Un tixeira de poda.
  3. Un coitelo que corte moi ben.
Agora que temos isto o que temos que facer é baleirar a bara de castiñeiro máis longa da madeira, xa que para o instrumento só nos imos a valer da codia, con esta bara imos a facer o corpo do instrumento. Para baleiralo imos facer igual que fixemos na frauta de castiñeiro, fregamos co mango da coitela a pel do castiñeiro, e despois retorcélomo coa man ata que se desprenda e quitámola tirando dela. Se raxa ou rompe ou perde aire a cáscara, xa non nos serve para facer instrumento, xa que isto afectará ó son.

Esta é a bara de castiñeiro máis grande que imos baleirar.


Aquí temos como se ve a cáscara de castiñeiro e a madeira xa separados.



Nesta imaxe vemos como queda baleira de todo a codia.

Cando xa temos feito isto imos a facer a parte do instrumento que soa, para iso collemos unha rama finiña e baleirámola, entón coa cáscara aplastámoslle unha punta e rascámola co coitelo ata que ese estremo que de finiño, entón ó metelo na boca e soprar tiñamos que conseguir sacarlle son.


Aquí temos a ramiña da que facemos a palletiña que vai tocar.



Nesta imaxe vemos como queda a palletiña despoi de rascala co coitelo.


Entón así que temos feito isto, normalmente a cáscara que temos para facer o instrumento non encaixa ben na palleta, xa que a palleta é moi delgada para encaixar nel, entón para isto o que imos facer é ir baleirando outras ramas e ir encaixando as cáscaras no corpo do intrumento, ata que sexamos capaces de intruducir a palletiña, para facer isto cada vez temos que ir poñendo unha cáscara máis fina. No meu caso só me fixo falta poñer unha cáscara intermedia para que encaixara a palletiña. Así conseguimos motar o intrumento de xeito definitivo.

Nesta imaxe vemos a miña cáscara de castiñeiro, que xa está baleira, que utilicei de adaptadora.


Agora vemos como encaixa a cáscara adaptadora dentro da que utilizamos como corpo do instrumento.


Nesta imaxe vemos como queda o instrumento xa coa palletiña metida.


Agora que o temos feito só queda poñerlle os furado, este faranse co coitelo cortando a cáscara, poñeranse onde máis fácil sexa para tapar, e a separación entre eles será a que máis comodidade aporte ó artista que o toque. Así que fagamos o último furado, cortaremos a parte final do instrumento a dúas veces e media da distancia entre os diferentes furados, do último furado.



Así sería como nos quedaría o instrumento ó final, coas madeiras que resultaron de baleirar as cáscaras que utilizamos.

Así sería como quedaría cos furados.

 Agora só lle hai que soprar pola palletiña e xa ten que soar, segundo lle tapedes os diferentes furado fará as diferentes notas.



A gaita de sabugueiro:
Hoxe vou falar de como se fai unha gaita de sabugueiro, para explicar como se fai este instrumento artesanal galego, voume referir moito a outra entrada, que é a da fabricación da frauta de sabugueiro, xa que a forma de preparar a madeira do sabugueiro para facer o instrumento é a mesma.

Como xa teño dito antes, o sabugueiro é unha madeira moi boa para facer instrumentos de vento, xa que a súa cerna é moi fácil de baleirar e polo tanto podemos obter un tubo oco dunha forma moi sinxela.

Para facer este instrumento vannos facer falta todos estes materiais:
  1. Unha barra de sabugueiro sen nós dunha cuarta e media de lonxitude, como mínimo.
  2. Un arame que non dobre facilmente.
  3. Un ferro que se poda poñer ó roxo vivo.
  4. Un coitelo que corte ben.
  5. Unha lixa fina.
  6. Un pouco de cera ou cola branca para madeira. 
  7. Unha brocha pequena.
  8. Un pouco de barniz.
Como primeiro paso e máis complicado, imos a buscar unha rama de sabugueiro que nos sirva, esta ten que non ser nin moi gorda nin moi fina, máis ou menos como unha flauta das compradas, tanto en anchura como lonxitude.

Este é o sabugueiro.



Estas son as dúas ramas de sabugueiro cortadas.


Así que temos a rama de sabugueiro, hainas que pelar, e para iso facémolo cun coidelo, eu collín dúas por se non me saía á primeira polo menos ter outras oportunidade. Cando lles quitemos a casca hai que ter coidado de non danala madeira.

Así quedan as ramas despois de pelalas.

Agora que temos as ramas peladas, collemos unha delas e ímola baleirar, xa que esta árbore ten unha cerna moi branda, entón cun arame que sexa maleble pero non moito, estirámolo e chantámosllo na cerna e comezamos a darlle voltas e empurralo para metelo máis, entón vemos como se vai esfarelando a cerna, así que pasemos o arame dun lado a outro, dámoslle voltas ata que non lle quede cerna e deixalo oco de todo e o máis cilíndrico posible.

Así é a apariencia da cerna do sabugueiro.

Despois de baleiralo que así.

Agora e chegados a este punto (ata aquí todo igual ó da frauta de sabugueiro), collemos unha das ramas e despois de baleirala ímolles a facer uns buratos para os dedos, estes comezaranse a facer á distancia que máis cómodo quede para tocar e para soprar, este instrumento haille que soprar como se fose o punteiro dunha gaita, entón comezamos a facerlle os furados, para isto utilizamos o ferro ó roxo vivo, para que perfore a madeira por calor, requentaremos o ferro tantas veces como nos faga falla, para que os furados queden ben.

Aquí vemos como queda a frauta con furados.

Unha vez feitos os furados, temos dúas alternativas, ou cortamos apartir do último furado a gaita, nunha lonxitude de dúas veces e media da lonxitude que hai entre os furados, para que dé un bo son; ou facemos como fixen eu, collemos e a esa mesma distancia facemos outros dous furados á mesma altura, un a cada lado da gaita.

Agora para que sone temos que poñerlle algo no extremo de soprar para que emita son, para iso podemos utilizar diferentes cousas, como son as palletas, pallóns, palletas de centeno ou palla (ensinareinas a facer nunha das próximas entradas), palletas de castiñeiros, etc. Para facer que encaixen estes elementos na gaita de sabugueiro, temos que facer como fixemos co rombón de castiñeiro, se que o furado da gaita moi grande, ir encaixando pezas de sabugueiro unhas dentro de outras, para que nos dea a medida que queremos.

E con isto xa debería sonar, a continuación póñovos como queda a gaita de sabugueiro con un pallón de ronqueta e cunha palleta de castiñeiro, esta última ensinei como se facía no rombón de castiñeiro.

Nesta imaxe vemos a gaita de sabugueiro coa palleta de castiñeiro.


Aquí vemos a gaita de castiñeiro co pallón de ronqueta.


Este instrumento tócase igual que o punteiro da gaita e dá un son que depende da palleta que lle poñades, así que probade e elixide a que máis se axuste ós vosos gustos. O bo deste instrumento é que é máis duradeiro que os que se fan de castiñeiro, que só veñen durando un día.

Se o queremos deixar máis curioso, podemos lixalo un pouco e darlle unha man de barniz, a cola branca de madeira ou a cera, son por se mentres facemos o instrumento nos raxa a madeira ou nas xuntas perde algo de aire, entón botámoslla e xa non o perde.

Un saúdo a todos compañeiros, espero que vos gustase e vos salga ben.