Ola compañeiros, como o prometido é deuda, aló vou con esta nova entrada.
Desta voltaímos a facer un chifro de castiñeiro, estes son instrumentos moi fáciles de facer, e de estragar mentres se fan, polo que hai que facelo con coidadiño, o seu grande problema é que non son duradeiros no tempo, xa que en dous ou tres días sécanse, enrugánse e paran de soar.
Para facer este instrumento fan falla os seguintes materiais:
- Unha rama de castiñeiro ben dereita e cos menos nudos posibles.
- Unha tixeira da poda.
- Un coitelo que corte moi ben.
O primeiro que temos que facer é ir a buscar a rama de castiñeiro e buscaremos unha ben dereita e que teña o diámetro parecido a unha flauta das compradas ou algo máis ancha. Entón cortámola á medida que queiramos coa tixeira da poda. Hai que ter en conta que a madeira de castiñeiro só serve para facer este instrumento cando lle está a subir a sabia, xa que senón non damos separado a corteza da cerna.
Entón para separar a corteza da cerna, collemos e fregamos con forza o mango do coitelo ou a podadora contra a corteza do castiñeiro, ata que comece a espumar e rezumar sabia polos bordes que cortamos, así que pase isto collemos e agarramos a bara de castiñeiro e retorcémola como se estivésemos a escorrer un trapo, entón notamos que a corteza se move sobre a cerna, entón imos facendo esta manobra sobre toda a bara ata que se despegue toda a pel.
Agora que temos a pel depegada collemos e cortamos a cáscara por un dos extremos sen cortar a cerna, e entón vemos que se despega, entón agora agarramos a cerna que quedou descuberta e tiramos dela, e entón conseguimos sacar toda a cerna e deixar a cárcara.
Este proceso é algo complicado de explicar, se non o entendedes fago un vídeo de como se fai e súboo.
Agora que temos a cerna por un lado e a cáscara do castiñeiro polo outro, cortamos dúas rodas de cerna, unha desas rodiñas quitámoslle unha laca por un lado, e con elas tampamos os extremos da cáscara do castiñeiro, observamos que a rodiña que lle cortamos un cacho non tapa de todo o furado da cáscara, pero haino que deixar así porque é por onde imos a soprar para obter o son, neste extremo facemos un corte en bisel como o dunha flauta.
Nesta imaxe podemos ver o corte en bisel para que faga son. |
Nesta imaxe vemos a rodiña que tapa un dos extremos da cáscara e que é pola que imos a soprar. |
Nesta imaxe vemos como quedou o outro extremo da cáscara de castiñeiro tapada. |
Agora de sopramos polo extremo que lle deixamos unha regandexa na tapa, obtemos un son, este instrumento que acabamos de obter chámase Chifro de Castiñeiro. E sempre dá a mesma nota, aínda que pode variar ca forza que se sopre. Hai outra variante na que en ver de poñer dúas tapas, poñemos pola que se sopra e na outra tapamos co extremo da cerna que quitamos, entón se sopramos como no caso anterior sona, pero se mentres sopramos introducimos máis a cerna na cáscara cambia o son máis a agudo e se a retiramos cambia a máis grave, e así podemos obter unha variación do son.
Se ó chifro de castiñeiro lle facemos uns furados para tapar cos dedos, obtemos a flauta de castiñeiro, que se toca como calquera flauta.
Espero que se o intendades facer vos salga, se tedes calquera dúbida intentarei aclarala.
Un saúdo a todos e gracias polas vosa atención.
No hay comentarios:
Publicar un comentario