domingo, 22 de mayo de 2011

A gaita de sabugueiro:

Ola compañeiros  e compañeiras que visitades o Espacio do Gaiteiro.

Hoxe vou falar de como se fai unha gaita de sabugueiro, para explicar como se fai este instrumento artesanal galego, voume referir moito a outra entrada, que é a da fabricación da frauta de sabugueiro, xa que a forma de preparar a madeira do sabugueiro para facer o instrumento é a mesma.

Como xa teño dito antes, o sabugueiro é unha madeira moi boa para facer instrumentos de vento, xa que a súa cerna é moi fácil de baleirar e polo tanto podemos obter un tubo oco dunha forma moi sinxela.

Para facer este instrumento vannos facer falta todos estes materiais:
  1. Unha barra de sabugueiro sen nós dunha cuarta e media de lonxitude, como mínimo.
  2. Un arame que non dobre facilmente.
  3. Un ferro que se poda poñer ó roxo vivo.
  4. Un coitelo que corte ben.
  5. Unha lixa fina.
  6. Un pouco de cera ou cola branca para madeira. 
  7. Unha brocha pequena.
  8. Un pouco de barniz.
Como primeiro paso e máis complicado, imos a buscar unha rama de sabugueiro que nos sirva, esta ten que non ser nin moi gorda nin moi fina, máis ou menos como unha flauta das compradas, tanto en anchura como lonxitude.

Este é o sabugueiro.



Estas son as dúas ramas de sabugueiro cortadas.


Así que temos a rama de sabugueiro, hainas que pelar, e para iso facémolo cun coidelo, eu collín dúas por se non me saía á primeira polo menos ter outras oportunidade. Cando lles quitemos a casca hai que ter coidado de non danala madeira.

Así quedan as ramas despois de pelalas.

Agora que temos as ramas peladas, collemos unha delas e ímola baleirar, xa que esta árbore ten unha cerna moi branda, entón cun arame que sexa maleble pero non moito, estirámolo e chantámosllo na cerna e comezamos a darlle voltas e empurralo para metelo máis, entón vemos como se vai esfarelando a cerna, así que pasemos o arame dun lado a outro, dámoslle voltas ata que non lle quede cerna e deixalo oco de todo e o máis cilíndrico posible.

Así é a apariencia da cerna do sabugueiro.

Despois de baleiralo que así.

Agora e chegados a este punto (ata aquí todo igual ó da frauta de sabugueiro), collemos unha das ramas e despois de baleirala ímolles a facer uns buratos para os dedos, estes comezaranse a facer á distancia que máis cómodo quede para tocar e para soprar, este instrumento haille que soprar como se fose o punteiro dunha gaita, entón comezamos a facerlle os furados, para isto utilizamos o ferro ó roxo vivo, para que perfore a madeira por calor, requentaremos o ferro tantas veces como nos faga falla, para que os furados queden ben.

Aquí vemos como queda a frauta con furados.

Unha vez feitos os furados, temos dúas alternativas, ou cortamos apartir do último furado a gaita, nunha lonxitude de dúas veces e media da lonxitude que hai entre os furados, para que dé un bo son; ou facemos como fixen eu, collemos e a esa mesma distancia facemos outros dous furados á mesma altura, un a cada lado da gaita.

Agora para que sone temos que poñerlle algo no extremo de soprar para que emita son, para iso podemos utilizar diferentes cousas, como son as palletas, pallóns, palletas de centeno ou palla (ensinareinas a facer nunha das próximas entradas), palletas de castiñeiros, etc. Para facer que encaixen estes elementos na gaita de sabugueiro, temos que facer como fixemos co rombón de castiñeiro, se que o furado da gaita moi grande, ir encaixando pezas de sabugueiro unhas dentro de outras, para que nos dea a medida que queremos.

E con isto xa debería sonar, a continuación póñovos como queda a gaita de sabugueiro con un pallón de ronqueta e cunha palleta de castiñeiro, esta última ensinei como se facía no rombón de castiñeiro.

Nesta imaxe vemos a gaita de sabugueiro coa palleta de castiñeiro.

Aquí vemos a gaita de castiñeiro co pallón de ronqueta.

Este instrumento tócase igual que o punteiro da gaita e dá un son que depende da palleta que lle poñades, así que probade e elixide a que máis se axuste ós vosos gustos. O bo deste instrumento é que é máis duradeiro que os que se fan de castiñeiro, que só veñen durando un día.

Se o queremos deixar máis curioso, podemos lixalo un pouco e darlle unha man de barniz, a cola branca de madeira ou a cera, son por se mentres facemos o instrumento nos raxa a madeira ou nas xuntas perde algo de aire, entón botámoslla e xa non o perde.

Espero que vos saíse que vos gustara facelo tanto como me gustou a min facelo e explicarvos como se fai.

Un saúdo a todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario