martes, 29 de marzo de 2011

Algunhas novas:

Ola compañeiros.

Agora vou facer outro instrumento, que xa adianto que vai ser de castiñeiro, pero só teño tempo a facelos os fin de semanas, e o pasado a madeira aínda non valía, a ver este.

Mentres tanto, deixovos máis pezas, estas son a alborada dos Campaneiros de Vilagarcía "Unha Noite de Santo Cristo", os Campaneiros é unha das miñas agrupacións favoritas; tamén vos deixo o coñecido "Molete" e volvo a resubir a "Muiñeira de Cobas" porque tiña un erro nas notas.

Un saúdo a todos e gracias por facer axudar a que isto siga a diante.

jueves, 24 de marzo de 2011

A flauta de sabugueiro:

Ola bos días compañeiros e compañeiras:

Desta volta vouvos a dicir como se fai unha flauta de sabugueiro. O sabugueiro é unha árbore que non medra moito, pero ten unha peculiradiedade que a fai moi boa para facer instrumentos, que é que ten unha cerna moi branda, polo que é moi fácil de baleirar e convertir a peza de madeira nun tubo oco.

Este instrumento saqueino dos contos que me dicía os vellos do meu pobo, esta madeira tamén se utilizaba para facer os chamados cichóns, que se utilizaban no entroido para disparar auga, para facerlle a broma ós veciños, e mollalos de arriba a baixo.

Hoxe do que vos vou falar é da flauta de sabugueiro, se queredes outro día dígovos como se fai un cichón.

Para comezar imos dicir, como sempre, a listaxe de ferramentas e materiais que precisamos:
  1. Unha barra dereita de sabugueiro que non teña nós, dunha cuarta e media como mínimo.
  2. Un arame que non dobre facilmente.
  3. Un ferro que se poda poñer ó roxo vivo.
  4. Un coitelo que corte ben.
  5. Un corcho dunha botella.
  6. Unha lixa fina.
  7. Un pouco de cera ou cola branca para madeira. 
  8. Unha brocha pequena.
  9. Un pouco de barniz.
Como primeiro paso e máis complicado, imos a buscar unha rama de sabugueiro que nos sirva, esta ten que non ser nin moi gorda nin moi fina, máis ou menos como unha flauta das compradas, tanto en anchura como lonxitude.

Este é o sabugueiro.



Estas son as dúas ramas de sabugueiro cortadas.


Así que temos a rama de sabugueiro, hainas que pelar, e para iso facémolo cun coidelo, eu collín dúas por se non me saía á primeira polo menos ter outras oportunidade. Cando lles quitemos a casca hai que ter coidado de non danala madeira.

Así quedan as ramas despois de pelalas.

Agora que temos as ramas peladas, collemos unha delas e ímola baleirar, xa que esta árbore ten unha cerna moi branda, entón cun arame que sexa maleble pero non moito, estirámolo e chantámosllo na cerna e comezamos a darlle voltas e empurralo para metelo máis, entón vemos como se vai esfarelando a cerna, así que pasemos o arame dun lado a outro, dámoslle voltas ata que non lle quede cerna e deixalo oco de todo e o máis cilíndrico posible.

Así é a apariencia da cerna do sabugueiro.

Despois de baleiralo que así.

Agora e como ante antepenúltimo paso ímos a tapar o extremo máis estreito da bara cun corcho, para facelo labramos o corcho a medida do furado e metémosllo, se perde aire por el entón podemos coller e poñerlle un pouco de cola branca de madeira ou cera dunha vela.

Ó taparlle o extremo quedaría así, aínda que eu antes fíxenlle os furados.

O penúltimo paso consiste en facerlle os furados para soprar e para tapar con dedos, para obter diferentes sons, estes fanse cun ferro que temos que quentar ata que se poña ó roxo vivo, así que estea ben quente collemos e apretámolo contra a madeira onde queiramos facer o furado e témolo aí ata que fure, se non fura á primeira e se enfría hai que volvelo quentar e repetir a manobra ata que fure. O furado máis cercano o extremo da bara que está tapado ten que ser máis grande e é por onde imos soprar, despois deixamos unha boa separación e comezamos a facer os furado para os dedos, estes poñeranse tan separados como o artesán queira, ou dea tapado cos dedos, e así que se fagan todos os buratos xa está feita.

Aquí podemos ver como me quedaron os furados.

Agora o que podemos facer é lixala un pouco para quede lisa e darlle unha man de barniz coa brocha para que se garde mellor. E polo demais a flauta xa debería tocar. Esta tócase como unha flauta traveseira.

Espero que vos saíse ben e que non tiverades problemas, calquera dúbida preguntádema no correo ou a modo de comentario cunha entrada.

Un saúdo a todos.

miércoles, 23 de marzo de 2011

Últimas novas:

Ola compañeiros.

Por fin dei feito un instrumento novo, só me que quitarlle un par de fotos máis para ver como quedou e xa fago a entrada, entre hoxe e mañá xa o poño.

Ademais como sempre volvo actualizar a listaxe de partituras e déixovos de novidade dúas muiñeiras unha moi coñecida entre tódolos gaiteiros da comarca galega, que é a Muiñeira de Cabanas e a outra era unha peza que tocaba para os danzaríns no grupo Mencer, que é a Muiñeira do Picato.

Un saúdo a todos.

lunes, 14 de marzo de 2011

Esperamos pola primaveira:

Ola.

Esta semana non vou poñer como se fai un instrumento novo, xa que para facer os que me falta fai falla que esteamos na primaveira, e ademais non teño fotos destes instrumentos feitas previamente, e estes instrumentos non se conservan no tempo, así que teredes que esperar un pouquiño para que vos ensine o seguinte.

Como sempre actualicei a listaxe de partituras, hoxe deixo A Carolina con letra e o Fandango que tocaba a agrupación Cántigas e Frores de Lugo.

Un saúdo a todos.

miércoles, 9 de marzo de 2011

O corno de vaca:

Ola bos días a todos e todas.

Outra vez máis estou a escribir no blog para falarvos doutro instrumento artesanal galego, hoxe do que vou tratar é sobre un instrumento feito a partir dun corno de vaca, que nos dá unha nota constante. O nome deste instrumento é o de corno. É un instrumento moito máis fácil de facer que os anteriores. Os pasos e materiais que fan falla para facelo son moi parecidos ós da ocarina de corno de vaca.

Os mateirais que nos van facer falla son os seguintes:
  1. Un corno de vaca.
  2. Unha caldeira de auga.
  3. Unha serreta do ferro.
  4. Unha lixa suave.
  5. Barniz de madeira.
O primeiro paso que debemos realizar é o de baleirar o corno, e facémolo como xa expliquei para a ocarina de corno de vaca.


Nesta imaxe podemos ver o corno baleirado.

Así que temos o corno baleirado, o que vamos facer é cortalo, perpendicularmente, polo seu extremo máis afilado, este extremo é macizo, pois temos que ilo cortando ata que deamos coa luz do corno.


Así é como nos queda cando imos cortando ata dar coa luz do corno.

Así que fagamos isto, xa está case todo feito, entón podemos barnizalo e lixalo para deixalo máis curioso.


Este sería o resultado final.

Agora que o temos este instrumento tócase de dous xeitos posibles, un deles é tocalo como unha trompeta e o outro é tocalo colocandolle unha palleta ou un pallón no furado que fixemos.


Estes son os tres instrumentos que describín como se facían ata agora.

Este instrumento era moi fácil de facer espero que vos saíse sen problema, pola miña parte vou seguir buscando instrumentos galegos artesanais, e como sempre colguei máis pezas na listaxe de partituras, e entre elas teño o Pirimpimpín de Mavela.

Un saúdo a todos.

sábado, 5 de marzo de 2011

Máis actualizacións de partituras:

Xa colguei algunha partitura máis, non vos esquezades de miralas. En breves poñerei máis (se queredes algunha en especial pedídea a ver se a teño).
Un saúdo a todos.